Home
O Centro
Proxecto Inclusivo

Proxecto Inclusivo

O Conservatorio Profesional de Música de A Coruña é un centro que participa activamente en numerosos proxectos solidarios e de cooperación e que dende hai uns anos se preocupa especialmente pola integración social de persoas discapacitadas.

O proxecto que actualmente estamos levando a cabo responde á necesidade e preocupación de permitir o acceso ás ensinanzas regradas de música a todo tipo de alumnado e, polo tanto, tamén a alumnado con necesidades educativas especiais.

Como PROXECTO DE INNOVACIÓN EDUCATIVA, foi autorizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en 2011. A orde autoriza ó noso centro (único en Galicia) a posta en marcha, con carácter experimental, dun proxecto para a incorporación deste tipo de alumnado ás ensinanzas elementais de música. Podedes consultar a lexislación referida a este proxecto nos seguintes enlaces:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2011/20111226/AnuncioC3F1-191211-9991_gl.pdf
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2013/20130621/AnuncioG0164-170613-0001_gl.pdf
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2014/20140616/AnuncioG0164-090614-0001_gl.pdf

Anteriormente a obter a aprobación do proxecto, no centro xa leváranse a cabo outras experiencias previas destinadas a rapaces con NEE, como un concerto de música sensorial ou un Obradoiro de Musicoterapia no que ó longo de varios meses un grupo de profesores poidemos traballar con alumnos con discapacidade psíquica guiados por un musicoterapeuta.

Tras estas experiencias, e tras analizar proxectos similares desenvoltos noutros centros (como en Torrent – Valencia), decidimos descartar o enfoque musicoterapéutico para fundamentalo simplemente na Educación Musical per se, xa que a educación musical contribúe sempre á formación integral da persoa, e neste caso convértese nun excelente medio de inclusión social.

QUE É?

Un proxecto para que os alumnos con necesidades educativas especiais poidan desfrutar da música estudando un instrumento durante os catro cursos do grao elemental. O noso centro leva a cabo este proxecto dende o ano 2012, que permite a integración do alumnado con discapacidade na vida musical do Conservatorio, adaptando as ratios e materias ás características de cada estudante.

ORGANIZACIÓN ACADÉMICA

En canto ó desenvolvemento do proxecto, esta experiencia educativa encádrase no Decreto que establece o currículo de Grao Elemental na nosa comunidade e por este motivo respecta no esencial os seus obxectivos.

1 hora semanal de clase de instrumento individualizada
1 clase semanal de linguaxe musical en grupos reducidos ou individualizada
1 hora semanal de Coro e/ou Ensemble
Optativas: agrupacións como orquestras de corda, banda, grupos de percusiÓn…

Estas clases agrúpanse de xeito que asisten ó centro dúas ou tres tardes á semana.

PROBAS DE ACCESO

As probas de acceso son un requisito indispensable para acceder ás ensinanzas regradas de música, de forma que se aseguren unhas aptitudes musicais mínimas que permitan ós aspirantes iniciar os seus estudos nas diferentes especialidades instrumentais.

No caso do alumnado con NEE establecéronse algunhas normas:
– Idade comprendida entre os 8 e os 18 anos
– Certificado de discapacidade e Informe psicopedagóxico
– Realización da proba de acceso:
Proba de aptitudes que consiste en repetición de pequenas melodías, ritmos e xogos de percusión corporal. Asemade, poderanse probar algúns instrumentos para avaliar a futura adaptación ó instrumento escollido. A adxudicación do instrumento corresponde ao Tribunal da proba.

Os alumnos con discapacidade a partires do 33% non pagan taxas de matrícula.